A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue promove en Portonovo a campaña especial de verán “Non esquezas doar antes de veranear”
Sanxenxo, 7 de xullo de 2025.- A directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, e a alcaldesa en funcións de Sanxenxo, Paula Martínez Santos, presentaron hoxe a campaña estival de doazón “Non esquezas doar antes de veranear”, acompañadas da concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago.
A iniciativa pretende sensibilizar á cidadanía galega da importancia de doar sangue nos meses de verán, co obxectivo de acadar as 27.000 doazóns que precisan os hospitais galegos para axudar a milleiros de enfermos durante este período.
Todas as persoas que queiran compartir o seu tempo para doar poderán achegarse ata a unidade móbil de ADOS, que estará estacionada hoxe na marquesiña da Praza de Abastos de Portonovo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Para o mes de agosto, a campaña especial de verán chegará a Sanxenxo os días 13 e 14, onde unha unidade móbil atenderá aos doantes na Praza do Mar de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas.
Como mostra de recoñecemento pola súa xenerosidade, todos os doantes recibirán un detalle especial para este verán, coa satisfacción de ter contribuído a mellorar a vida de moitas persoas e salvar vidas. ADOS visitará 220 concellos galegos nos meses de verán, a época de maior dificultade para acadar as máis de 400 doazóns de sangue diarias que precisan os hospitais, polo que é necesario desenvolver iniciativas para sensibilizar e impulsar a participación da veciñanza.
Concello solidario
Durante o pasado ano 2024, Portonovo obtivo un total de 343 doazóns de sangue, superando amplamente as doazóns de 2023, que acadaran as 262.
Pola súa banda, o concello de Sanxenxo acadou as 852 doazóns e a súa taxa de doazón situouse en 47/1000 habitantes, por riba da taxa acadada en Galicia (39/1000 hab.)
A directora de ADOS trasladou o seu agradecemento polos anos de intensa colaboración do Concello de Sanxenxo, e especialmente pola axuda neste verán co envío de información sobre este xesto solidario ao tecido asociativo do municipio. Pola súa banda, a alcaldesa en funcións de Sanxenxo, Paula Martínez Santos, animou aos veciños e veciñas do concello a participar na campaña.