Concello de Sanxenxo - SANXENXO INICIA UNHA CAMPAÑA PARA IMPULSAR A RECICLAXE DE ENVASES DE VIDRO EN MÁIS DE 60 ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Realizaranse enquisas á hostalería de Sanxenxo para coñecer os hábitos de reciclaxe de vidro e adecuar os recursos ás súas necesidades.

Sanxenxo, 10 de xullo de 2025.– O Concello de Sanxenxo pon en marcha unha campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro en máis de 60 establecementos hostaleiros do municipio. A través de visitas personalizadas, lémbrase aos locais a obrigatoriedade de separar estes envases, en cumprimento da Ordenanza Municipal.

Segundo os últimos datos dispoñibles correspondentes ao ano 2024, a cidadanía de Sanxenxo depositou nos contedores verdes un total de 585.710 kg de envases de vidro, unha media de 33 kg por habitante (equivalente a uns 113 envases). En canto á taxa de contenerización, Sanxenxo conta con 267 contedores verdes, unha media de 1 por cada 67 habitantes.

A hostalería xera aproximadamente o 50 % dos envases de vidro de un só uso, polo que a súa colaboración é clave para incrementar as cifras de recollida selectiva deste material e para acadar os obxectivos de reciclaxe. Avanzar na implantación de hábitos sostibles no sector supón unha mellora significativa na loita contra o cambio climático e na saúde ambiental do municipio.

Desde esta semana, o equipo de educadores ambientais está a realizar enquisas e entrevistas a máis de 60 establecementos hostaleiros do concello para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adaptar os recursos existentes. Ademais, ofrecerán información detallada sobre como reciclar correctamente e sobre as vantaxes sociais, económicas e medioambientais da reciclaxe de envases de vidro.

No marco do plan estratéxico EcoVares e co obxectivo de facilitar a reciclaxe de vidro no canal Horeca (Hostalería, Restauración e Catering), Ecovidrio —único SCRAP especializado que xestiona sobre o terreo a recollida selectiva e dá resposta á sustentabilidade dos envases de vidro desde a orixe— instalará contedores especiais que sexan necesarios, dotados cunha boca máis ancha e un sistema de elevación hidráulico que permiten o reciclado de grandes cantidades de vidro. Así mesmo, entregarase ao sector hostaleiro, sen custo, cubos adaptados con rodas para facilitar o transporte dos residuos.

Para levar a cabo esta iniciativa, desenvolverase un traballo de campo para reforzar o coñecemento da normativa actual en materia de reciclaxe de envases de vidro.

Beneficios ambientais da reciclaxe de vidro
O vidro que se deposita nos contedores recíclase ao 100 % e utilízase para fabricar novos envases, de forma indefinida e sen perder as súas propiedades orixinais. Reciclando vidro evítase o crecemento dos vertedoiros.

A reciclaxe de vidro é un elemento clave na loita contra o cambio climático. Ao empregar calcín —vidro reciclado— na fabricación de novos envases, evítase a extracción de materias primas da natureza, reducindo así a erosión do solo e a deforestación. Ademais, minimízanse as emisións de CO₂ no proceso de fabricación e afórrase enerxía.

0
0
0
s2sdefault