Os socorristas realizaron 1.916 intervencións durante o mes de xuño en Areas, Silgar, Montalvo, Canelas, Foxos e A Lanzada
Sanxenxo, 10 de xullo de 2025.- O aparcadoiro público Nauta acadou o pasado mes de xuño unha recadación total de 79.999 euros e unha rotación de 15.720 vehículos. A cifra supón a maior da serie histórica, cun incremento de máis do 30 % respecto aos datos rexistrados nos últimos cinco anos. O tempo medio de estancia foi de 2 horas e media. As instalacións dispoñen dun total de 584 prazas repartidas na planta pública interior (206), a exterior (200) e o aparcadoiro privado (178). Durante o mes de xuño emitíronse 15.720 tickets.
O estacionamento, que xestiona a empresa municipal Nauta Sanxenxo, funciona as 24 horas do día e os 365 días do ano. As instalacións, situadas no propio porto deportivo, ofrecen un importante servizo de estacionamento para visitantes e veciños, que contan con dúas horas gratis en tempada baixa se teñen rexistrado o vehículo no municipio.
Por outra banda, o balance das primeiras intervencións de socorristas durante o mes de xuño nas praias de Areas, Silgar, Montalvo, Canelas, Foxos e A Lanzada recolle un total de 1.916 atencións. Cómpre lembrar que Sanxenxo é o municipio galego onde primeiro se activa o servizo de socorrismo. A comezos de xuño, os fins de semana nas catro praias máis concorridas e despois de forma continuada ao longo da semana nas mesmas praias e os fins de semana en Foxos e A Lanzada.
O maior número de intervencións, 162, realizáronse por contusións, seguidas de picaduras de faneca (152) ou feridas (59). Os avisos por incumprimento das ordenanzas ascenderon a 692, das cales 266 concentráronse en Montalvo e 196 en Canelas. As embarcacións realizaron 570 intervencións para advertir de perigos por saltos desde lugares altos ou rochas (92), usuarios fóra da zona de baño (115) e avisos por táboas ou pedaletas (256). Neste caso, o maior número de atencións rexistráronse en Silgar.