A mellora da seguridade viaria na contorna do colexio da Florida sairá a licitación nos vindeiros días
Sanxenxo, 11 de xullo de 2025.- O Concello de Sanxenxo pavimentará os viais de A Costiña e Rouxique cun investimento de case 30.000 euros con fondos municipais. A empresa Nosa será a encargada de executar os traballos, que comezarán no mes de agosto e terán unha duración de 15 días. En Rouxique actuarase nun vial de 285 metros de longo e 4 metros de ancho, actualmente nun estado de conservación moi deficiente. Os traballos inclúen a limpeza do camiño en ambos os marxes. En A Costiña, a intervención centrarase no pavimento dun vial de 170 metros de longo e tamén de 4 metros de ancho. Trátase de dúas actuacións moi demandadas pola veciñanza que poderán ser unha realidade este mesmo verán.
Nos próximos días tamén sairá a licitación a mellora da seguridade viaria na contorna da Florida, co obxectivo de que as obras estean rematadas antes do comezo do curso escolar. Esta actuación, valorada en case 65.000 euros, abrangue o treito da rúa Ricardo Santos desde a entrada do centro educativo ata a súa conexión coa estrada da Deputación de Pontevedra. Será financiada a través da Agader.
A lonxitude total do vial é de 458 metros e o ancho medio da súa plataforma ascende a uns 6,20 metros, aínda que presenta bastantes variacións ao longo do seu percorrido. A capa de rodadura do pavimento atópase en mal estado debido ao seu elevado uso, polo que é urxente a súa reposición completa.
Prevese executar unha ampliación do vial mediante unha tira de ensanche ao longo do marxe esquerdo nun tramo de 107 metros, gañando 1,50 metros de calzada sobre terreos de propiedade municipal. Ademais, pavimentarase un sobreancho de 6,50 metros ao longo de 27 metros do mesmo marxe esquerdo aproveitando a cesión dunha parcela ao inicio do camiño.
A obra inclúe tamén a reposición do muro fronte á entrada do pavillón, onde se crearán varias prazas de aparcamento. Eliminarase unha cuneta a ceo aberto existente, instalando o correspondente sistema de recollida de augas pluviais. Para rematar, pavimentarase a totalidade da calzada cunha capa de 5 centímetros de espesor de mestura bituminosa en quente, recreceranse as tapas de rexistro afectadas e colocarase a sinalización vertical necesaria.