O distintivo acredita a calidade da area, da auga e de todos os servizos que ofrecen tras superar unha auditoría de terceira parte.
Sanxenxo, 14 de xullo de 2025.- A bandeira Q de Calidade ondea en 16 praias de Sanxenxo, situándoo como un dos municipios españois con máis certificacións. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza; a concelleira de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez; e o director xeral do Instituto para a Calidade Turística Española e a Sostibilidade (ICTES), Fernando Fraile, acompañados do presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, e da presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín, izaron esta mañá a bandeira Q de Calidade na praia da Lanzada.
Deza destacou o compromiso coa calidade tanto do sector público, con 18 Q de Calidade (16 praias e as oficinas de Turismo e Nauta), como do sector privado, que suma 42 certificacións. “Estas bandeiras supoñen un esforzo e unha esixencia que un destino como Sanxenxo merece”, indicou. Así mesmo, explicou que Sanxenxo non se conforma e que continuará apostando por esta certificación. “Imos pedir a S de Sostibilidade para Silgar, que xa a temos no porto de Sanxenxo, e a Q de Calidade para a praia de Nosa Señora”, asegurou. As praias de Areas, Canelas, Silgar, A Lapa, Major, Baltar, Montalvo, Caneliñas, Areas Gordas, Pragueira, Foxos, Panadeira, Área de Agra, A Lanzada, Bascuas e Paxariñas posúen a Q de Calidade Turística do ICTES desde o ano 2014, cando foron certificadas por primeira vez.
Pola súa banda, o director xeral do ICTES, Fernando Fraile, felicitou o Concello de Sanxenxo polo seu compromiso coa Calidade Turística, mostra do rigor co que se traballa “no deseño e xestión destes servizos e garantía da correcta implantación dun sistema de xestión e do cumprimento de unhas normas de calidade” e recordou que “a Q é unha ferramenta de promoción turística que aporta prestixio, diferenciación e fiabilidade, polo que ten un gran impacto na percepción dos consumidores e supón o recoñecemento por parte das administracións públicas”.
Fraile asegurou que o crecemento que experimentou o número de bandeiras en España, ata chegar a 524 areais coa Q de Calidade e a S de Sostibilidade, “dí moito de como os xestores públicos coidan destes recursos fundamentais que son as praias, non conformándose con meras declaracións responsables de boas prácticas e sometendo as súas instalacións e servizos a auditorías independentes”. Explicou tamén que o Instituto para a Calidade Turística Española e a Sostibilidade, entidade na que están representados todos os subsectores do turismo español, as Comunidades Autónomas, os municipios e provincias (a través da FEMP) e o Ministerio de Turismo, a través da Secretaría de Estado de Turismo, celebra o seu 25 aniversario.
É importante sinalar que só as bandeiras Q de Calidade e S de Sostibilidade son froito da certificación baseada nas normas UNE e ISO, únicos organismos nacional e internacional con recoñecemento público para desenvolver normas para calquera sector de actividade económica. Para obter estas certificacións, é imprescindible seguir un rigoroso proceso verificado a través de auditores independentes, isto é, superar unha auditoría de terceira parte con esixentes criterios. Para que as praias de Sanxenxo luzan a Bandeira Q de Calidade Turística tiveron que levar a cabo un proceso para o cumprimento da norma internacional de calidade UNE-ISO 13009, consensuada por case cen países, para garantir a máxima calidade na prestación dos seus servizos e a correcta xestión dos equipamentos de uso público: servizos de limpeza e recollida selectiva de residuos, dispositivos de seguridade, salvamento e primeiros auxilios, servizos de información aos turistas, accesos á zona de baño, servizos hixiénicos ou de establecementos de lecer, entre outros.