Concello de Sanxenxo - CONCELLO DE SANXENXO E ESPINA E DELFÍN POÑEN EN MARCHA A CAMPAÑA “A AUGA É VIDA. APROVÉITAA”
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O municipio quintuplica o consumo de auga en agosto respecto aos meses de inverno como febreiro.

Sanxenxo, 29 de xullo de 2025.- O Concello de Sanxenxo e Espina & Delfín, empresa concesionaria do Ciclo Integral da Auga, poñen en marcha un verán máis a campaña “A auga é vida. Aproveitaa” co obxectivo de fomentar un consumo responsable e consciente da auga entre veciños e visitantes.

A iniciativa busca sensibilizar sobre a importancia da preservación dos recursos naturais. A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se agardan para esta época estival e o avance do cambio climático teñen un gran impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante as épocas máis secas é importante realizar un consumo eficiente da auga potable.

En 2024, o volume de auga consumido en Sanxenxo foi de 1.420.997 m³, consumo rexistrado polos contadores dos 13.402 usuarios do servizo de abastecemento existentes. Se observamos os datos mensuais, a cifra acada o seu valor máximo na tempada estival, facendo notorio o incremento de poboación da vila, estimándose que en agosto o consumo dos usuarios foi de 272.372 m³ e, pola contra, o mes de menor consumo foi febreiro con 54.220 m³.

Se comparamos a cifra en consumo diario, estaríamos a falar dun consumo de 1.870 m³/día en febreiro fronte aos 8.786 m³/día en agosto. Isto supón multiplicar case por cinco o consumo entre ambos meses. Por todos estes motivos, a campaña incide en pequenos xestos do día a día que poden marcar a diferenza, como pechar a billa no momento de ensaboar os pratos, non tirar lixo polo inodoro nin aceite polo sumidoiro, ducharse en vez de bañarse ou utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas.

Tamén se recomenda moderar o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar xardíns. Ademais, aconséllase pechar a chave de paso da auga da vivenda en caso de ausencias prolongadas, como nas vacacións de verán. Esta mensaxe difundirase a través de carteis colocados nos edificios municipais, instalacións do servizo de augas e tamén mediante as redes sociais e a páxina web do Concello e da concesionaria. Espina & Delfín e o Concello de Sanxenxo convidan a toda a cidadanía a sumarse a esta campaña e a colaborar activamente na protección dun recurso vital e cada vez máis escaso.

0
0
0
s2sdefault