Concello de Sanxenxo - A XUNTA INVESTIRÁ 4,5 MILLÓNS DE EUROS NA AMPLIACIÓN E REFORMA INTEGRAL DO COLEXIO DA FLORIDA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presentou esta mañá xunto ao alcalde, Telmo Martín, o plan director da obra do centro

Sanxenxo, 8 de agosto de 2025.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, presentaron esta mañá no salón de plenos á comunidade educativa do centro o Plan Director do colexio A Florida. A actuación, que suporá un investimento de 4,5 millóns de euros, executarase en tres fases para poder compaxinar a actividade escolar e as obras. “Valorouse a posibilidade dun novo colexio, pero non queriamos trasladar o alumnado nin tampouco renunciar á actual ubicación deste emblemático centro educativo”, explicou Martín.

A actuación vai máis alá do compromiso adquirido polo Concello e Xunta en 2023, pois ademais da reforma das instalacións actuais de 11.429 m², hai que sumar a ampliación doutros 6.300 m² de novos equipamentos educativos en terreos que o Concello adquiriu nos últimos anos. Deste xeito, coas melloras o colexio pasará a ter 17.729 m² (11.429 + 6.300 m²), un incremento do 55% da superficie actual.

Ás actuacións previstas nas parcelas exclusivamente educativas súmanse outras melloras que dependen do Concello nunha superficie de 4.057 m². É o caso do regato da Carabuxeira e a prolongación da rúa Poetas Galegos ata a súa intersección coa subida de Miraflores, onde está prevista unha rotonda. Unha actuación que facilitará o funcionamento do novo acceso do colexio pola rúa Miraflores.

As actuacións previstas divídense en 3 fases. A continuación, enuméranse as principais actuacións de cada fase:

Fase 1: Destaca a creación do novo acceso para vehículos pola subida de Miraflores que inclúe un aparcamento para coches e autobuses e a construción da nova pista deportiva cuberta. Está previsto que a obra comece a finais de 2026 e está valorada en 1,8 millóns.

Fase 2: Rehabilitación integral dos 2 edificios de primaria e o de educación infantil, así como a mellora da eficiencia enerxética que permitirá reducir ata un 40% o gasto da factura enerxética. Ademais, a ampliación do comedor e a cociña. As obras está previsto que comecen en 2027 e o custo previsto rondará os 1,5 millóns.

Fase 3: Ampliación do edificio de Primaria en 440 m² e dos parques de recreo de Primaria e Infantil que disporán de 790 m² máis. As obras está previsto que se inicien en 2029 e o investimento rondará os 1,2 millóns.

A mellora e a ampliación do colexio da Florida cambiará substancialmente este centro que disporá de maior accesibilidade, novos espazos, reforma dos existentes e máis iluminación natural e eficiencia enerxética.

0
0
0
s2sdefault