A actuación sae a concurso por 64.960 euros e cun prazo de execución dun mes
Sanxenxo, 11 de agosto de 2025.- O Concello vén de sacar a licitación a mellora do acceso e da seguridade viaria da contorna do colexio da Florida. A actuación está valorada en 64.960 euros e conta cunha axuda da Agader de 55.170 euros. O prazo de execución é dun mes.
A actuación abrangue o treito da rúa Ricardo Santos desde a entrada do centro educativo ata o seu entronque coa estrada da Deputación de Pontevedra.
A lonxitude total do vial é de 458 metros e o ancho medio da súa plataforma ascende a uns 6,20 metros, presentando bastantes diferenzas ao longo do seu percorrido. A capa de rodadura do pavimento, debido ao seu elevado uso, presenta un estado de conservación deficiente, polo que urxe a reposición completa.
Prevese a execución dunha ampliación do vial a través dunha tira de ensanche ao longo da marxe esquerda nunha lonxitude de 107 metros, coa que se gañarán 1,50 metros de calzada sobre terreos que xa son de propiedade municipal, e, por outra banda, coa pavimentación dun sobreancho de 6,50 metros ao longo de 27 metros da mesma marxe esquerda aproveitando a cesión dunha parcela ao inicio do camiño.
A obra leva aparellada unha cesión e a reposición do muro en fronte da entrada ao pavillón, onde se farán varias prazas de aparcamento. Ademais, eliminarase unha cuneta a ceo aberto existente, coa correspondente recollida de pluviais.
Para finalizar as actuacións, pavimentarase a totalidade da calzada cunha capa de 5 centímetros de espesor de mestura bituminosa en quente, así como se recrecerán as tapas de rexistro afectadas e colocarase a sinalización vertical necesaria.
Esta actuación, unida á senda que se proxecta na estrada da Deputación na zona de Miraflores, mellorará a seguridade viaria en todo o perímetro viario do centro educativo.