O deportista veranea en Sanxenxo coa súa familia dende hai máis de 15 anos e adestra no municipio durante as súas vacacións
Sanxenxo, 12 de agosto de 2025.- O alcalde, Telmo Martín, xunto co concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, recibiu esta mañá ao triatleta paralímpico Daniel Molina. Leva máis de quince anos veraneando no municipio xunto coa súa familia e o ano pasado realizou en Sanxenxo os seus últimos adestramentos antes de acudir aos Xogos Paralímpicos de París, onde gañou a Medalla de Ouro. Tal e como se comprometera na súa anterior visita, acudiu á recepción co galardón e asinou no Libro de Honra do municipio: “Grazas ao Concello de Sanxenxo polo trato. Aquí preparei as miñas probas máis importantes e, sobre todo, os XXPP de París 2024”.
Durante os próximos días continuará gozando do municipio, pero tamén adestrando tanto na piscina como na praia de Silgar, así como correndo e andando en bici pola costa e o interior de Sanxenxo. “Isto é precioso. Veño de Guadalaxara de adestrar a 40º e aquí é un gusto adestrar”, asegurou.
O alcalde agradeceu a súa visita e que elixira hai anos Sanxenxo como destino de vacacións. “É unha honra recibirte en Sanxenxo e agardamos que sigas visitándonos”, dixo.