Centos de persoas gozaron da degustación gratuíta de peixe azul e da música
Sanxenxo, 14 de agosto de 2025.- Ao abeiro do sol baixo unha gran carpa, centos de persoas gozaron este mediodía do Día do Mariñeiro no que se repartiron máis de 500 quilos de sardiñas. En total, servíronse 3.125 racións de sardiña gratuítas, asadas por operarios municipais e voluntarios que se encargaron de atender ás longas colas de persoas que se formaron desde o inicio para degustar o peixe azul. Como xa é tradición, o alcalde, Telmo Martín, acompañado de concelleiros do goberno, acudiron á sardiñada e brindaron polo inicio das festas de San Roque en Portonovo que este ano organiza o Concello de Sanxenxo.
De amenizar a degustación encargáronse Os Gatiños de Portonovo, Portonovo Canta e Cantos de Taberna de Soalleira. Os máis pequenos poderán gozar pola tarde das atraccións e das tómbolas no parque de O Espiñeiro e un tramo de Rafael Picó, entre a rotonda de Baltar e o cruce coa rúa Espiñeiro, que se cortará durante as festas. O cambio de ubicación este ano permitirá manter operativo o aparcadoiro do varadoiro respondendo ás necesidades de veciños e hostaleiros. A verbena desta noite correrá a cargo de Magos e DJ Paco Vulkano.
Mañá venres, 15 de agosto, Día de Santa María de Adina, continuarán as celebracións litúrxicas durante a xornada e a música nas rúas con Os Gatiños e Lembranzas. A partir das 22:30 horas, a verbena na que actuarán Grupo Arena e Conductores Suicidas (Tributo a Sabina).
A actividade continuará ata o martes cunha ampla programación. Así, este sábado, Día de San Roque, celebrarase o tradicional encontro de imaxes e os actos litúrxicos. A verbena contará con Capitol e Stereo. Ás 12 da noite, poderase gozar dun espectáculo pirotécnico desde a praia de Baltar.
O domingo, Día do Carme, retomarase a carreira popular III Memorial Rafael González “Michu”. Tras as celebracións litúrxicas en honra á Virxe do Carme chegará a verbena con Pili Pampín e Panorama.
O Día do Can será o vindeiro luns. A actividade festiva continuará con música e os xogos populares, para todas as idades, como o Pau de sebo, a carreira de botes, mazás flotantes… Ás 20:00 horas celebrarase o desfile de disfraces de cans e o broche final porao Kubo e a Ocaband.
O martes, 19 de agosto, celebrarase o Día do Neno no que as atraccións ofrecerán descontos ás familias. Será xa a única e último día de actividade do programa festivo.