A cita contará, por primeira vez, con vasos reutilizables para reducir os residuos da celebración.
Sanxenxo, 13 de agosto de 2025.- Portonovo prepárase para vivir cinco días de festa con motivo da celebración de San Roque. A cita, organizada este ano polo Concello de Sanxenxo, renderá mañá homenaxe ao sector do mar co Día do Mariñeiro e o reparto gratuíto de máis de 500 quilos de sardiñas na explanada da lonxa portonovesa. Haberá tamén viño e auga con vasos que, por primeira vez, serán reutilizables. Non faltará ambientación musical con Nelson Quinteiro, Portonovo Canta e Cantos de Taberna de Soalleira.
Os máis pequenos poderán gozar desde mañá das atraccións e das tómbolas no parque de O Espiñeiro e dun tramo da rúa Rafael Picó, entre a rotonda de Baltar e o cruzamento coa rúa Espiñeiro, que se cortará durante as festas. O cambio de ubicación permitirá manter operativo o aparcadoiro do varadoiro, respondendo ás necesidades de veciños e hostaleiros. A verbena correrá a cargo de Magos e DJ Paco Vulkano.
O venres, 15 de agosto, Día de Santa María de Adina, continuarán as celebracións litúrxicas durante a xornada e a música nas rúas con Os Gatiños e Lembranzas. A partir das 22:30 horas, a verbena na que actuarán Grupo Arena e Conductores Suicidas (Tributo a Sabina).
O sábado, 16 de agosto, Día de San Roque, celebrarase o tradicional encontro de imaxes e os actos litúrxicos. A verbena contará con Capitol e Stereo. Ás 12 da noite, poderase gozar dun espectáculo pirotécnico desde a praia de Baltar.
O domingo, 17 de agosto, Día do Carme, retomarase a carreira popular III Memorial Rafael González “Michu”. Tras as celebracións litúrxicas en honra á Virxe do Carme e a ambientación musical, chegará a verbena con Pili Pampín e Panorama.
O luns, 18 de agosto, Día do Can, a actividade festiva continuará con música e os xogos populares, para todas as idades, como o Pau de sebo, a carreira de botes, mazás flotantes… Ás 20:00 horas celebrarase o desfile de disfraces de cans e o broche final porao Kubo e a Ocaband.
O martes, 19 de agosto, celebrarase o Día do Neno no que as atraccións ofrecerán descontos ás familias. Será xa o único e último día de actividade do programa festivo.
Plan de tráfico
Desde hoxe mércores 13 e ata o martes 19 de agosto permanecerá cortado o tramo da rúa Rafael Picó entre a rotonda de Baltar e o cruzamento coa rúa Espiñeiro. Para facilitar a circulación durante a cita festiva establécense itinerarios alternativos: o tráfico pesado de camións e autobuses deberá acceder pola rúa do Espiñeiro, con entrada e saída reguladas pola rúa Areal e a rúa Espiñeiro, e con desvíos atendidos por semáforos. Os turismos e outros vehículos deberán utilizar a rúa Areal e a rúa da Mariña para o seu acceso, con saída prevista pola rúa Espiñeiro.