A lonxa converterase no escenario da degustación de empanadas con ata 18 recheos diferentes amparados por selos de calidade.
Sanxenxo, 16 de setembro de 2025.- A empanada reinará esta fin de semana en Portonovo coa VII Festa da Empanada Mariñeira. Unha degustación que estará maridada con música, showcookings e actividades variadas. O Club de Piragüismo de Portonovo, un ano máis coa colaboración da Confraría de Pescadores San Roque, aposta polos produtos do mar con selo de calidade como PescadeRías para ofrecer ata 18 tipos de empanadas con recheos diferentes como as algas de Cangas, a anguía de Arcade, os berberechos de Carril, o bonito de Burela, as luriñas de Portonovo, o polbo de Bueu… Todas elas elaboradas por panadarías das zonas onde se extrae ou pesca o produto.
O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, xunto co presidente do Club de Piragüismo de Portonovo, Alberto Rodríguez, e o concelleiro de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Pérez, presentaron esta mañá a cita. “Estamos encantados de que unha cita como esta se consolide. O Club de Piragüismo de Portonovo soubo dar coa tecla para realizar un evento de calidade co que recadar fondos”, dixo Guisasola.
Pola súa banda, Alberto Rodríguez destacou “que a alga vai ter un protagonismo especial nesta edición tanto na masa como no recheo cunha charla que nos abrirá os ollos en canto ao valor e posibilidades do produto”. Así mesmo, animou a participar no concurso de empanadas.
Na edición pasada, vendéronse 3.000 racións e este ano a previsión é superar este dato. A festa comezará o sábado, ás 12:15 horas, coa apertura técnica dos postos que para a ocasión servirán deliciosas racións de empanada elaboradas con produtos da ría. Ás 13 horas levarase a cabo o acto de inauguración e a apertura das exposicións. Ás 13:15 horas celebrarase un showcooking “As algas na masa. Un premio que nace do mar e da tradición”, a cargo de Carmen Sánchez de Galuriña, premio á Excelencia na Innovación na actividade pesqueira do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Ás 17 horas celebrarase o obradoiro-concurso familiar Peque Empanada para nenos de entre 5 e 12 anos e ás 20:30 horas comezará unha actuación musical do Grupo M80. Ás 23:30 horas procederase ao peche das instalacións.
O domingo 21, ás 12 horas abrirán as instalacións. Ás 12:30 horas terá lugar unha maridaxe de Empanada Mariñeira con viños galegos a cargo de Miguel Ángel Besada, sumiller e propietario de A Curva. Ás 18:00 horas celebrarase o VII Concurso da Empanada Mariñeira, seguido ás 19:15 horas do fallo do concurso, a entrega de distincións e poxa das empanadas gañadoras. Ás 19:30 horas terá lugar unha actuación musical a cargo de Cantores Tradicionais de Moaña. Ás 21:30 horas procederase ao peche das instalacións.
Todos os días poderase gozar dunha exposición “No Centro do Mar” cedida por Culturmar e doutra de Ollares de Portonovo sobre imaxes do mar.