Sanxenxo, 9 de outubro de 2025.- As obras de mellora nas rúas Cesteiros e Panadeira avanzan cos traballos de colocación da baldosa hidráulica e a canalización da rede de saneamento e abastecemento. A actuación continuará co proxecto de pavimentación das rúas do entorno do mercado, que inclúe, ademais de Panadeira e Cesteiros, Viña da Fonte.
O proxecto de mellora destes viais, valorado en máis de 300.000 euros, inclúe a renovación do alumeado, a sinalización e o drenaxe existente. En canto aos semáforos no cruce da Rúa do Progreso, prevese o seu traslado á nova ubicación dos pasos de peóns e a adaptación das súas ópticas. Ao longo de toda a actuación renóvanse completamente os pavimentos nas beirarrúas mediante a colocación de baldosa hidráulica sobre soleira de formigón.
Como complemento á reordenación do espazo urbano e á renovación dos pavimentos, neste proxecto prevese tamén a colocación de mobiliario e elementos de xardinaría. Está prevista a instalación dunha baranda na Rúa Progreso para evitar que os peóns crucen por zonas non habilitadas; e na Rúa Viña da Fonte, na praciña, para protexer o desnivel entre a praza e a nova beirarrúa. Tamén se contempla a colocación de bancos, papeleiras e a creación de dúas novas zonas axardinadas.
Con estas melloras, búscase non só renovar as infraestruturas básicas, senón tamén facer máis agradable e accesible esta parte do municipio para veciños e visitantes.