Concello de Sanxenxo - O AUDITORIO EMILIA PARDO BAZÁN ACOLLE UNHA EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA SOBRE AVES “AS RAÍÑAS DO CEO”
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Escolares de A Florida asistiron esta mañá á inauguración da mostra de imaxes realizadas polo grovense Nicolás Otero

Sanxenxo, 10 de outubro de 2025.- Con motivo do Día Mundial das Aves (11 de outubro), o Pazo Emilia Pardo Bazán acolle desde hoxe e ata o 31 de outubro a exposición fotográfica “As raíñas do ceo” para amosar a riqueza ornitolóxica do municipio. A actividade, impulsada pola Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Yago Torres, inaugurouse esta mañá coa presenza do autor das fotografías, o grovense Nicolás Otero Sanmartín; a concelleira de Educación, Nati Parada, e escolares do colexio de A Florida, que se achegaron a coñecela.

A mostra conta con 18 imaxes de gran calidade, algunhas delas realizadas no propio municipio e no Complexo Intermareal Umia-O Grove, nas que se pode apreciar a gran riqueza ornitolóxica do territorio. Otero explicou aos grupos de escolares a importancia de respectar e preservar especies como a Píllara das Dunas. Cada imaxe vai acompañada dunha breve explicación das aves fotografadas.

O Complexo Intermareal Umia-O Grove, que abrangue Sanxenxo, Meaño, O Grove, Cambados e Illa de Arousa (Punta Carreirón), está declarado como Reserva Ornitolóxica de Galicia, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Humidal de Importancia Internacional (RAMSAR). Nas súas 7.300 hectáreas alberga concentracións importantes de especies como a Espátula (Platalea leucorodia), Ostraceiro euroasiático (Haematopus ostralegus), Lavanco silbón (Anas penelope), Lavanco rabudo (Anas acuta), Pilro trinador (Numenius phaeopus) e Pilro tridáctilo (Calidris alba).

A mostra poderá visitarse en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas no vestíbulo do Auditorio Emilia Pardo Bazán.

0
0
0
s2sdefault