Concello de Sanxenxo - SANXENXO REVALIDA, POR TERCEIRO ANO CONSECUTIVO, A SÚA BANDEIRA VERDE POLAS SÚAS BOAS PRÁCTICAS MEDIOAMBIENTAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, recolleu o distintivo no Pazo de Mos

Sanxenxo, 13 de outubro de 2025.- Sanxenxo acada por terceiro ano consecutivo a Bandeira Verde de Galicia, un recoñecemento que outorga a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático co que se premian as boas prácticas en conservación, protección da paisaxe e do medio ambiente. O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, recolleu esta mañá a enseña no Pazo de Mos. “Sanxenxo debe protexer e coidar a súa paisaxe como un dos activos identitarios máis importantes que temos como municipio”, asegura Torres. A concesión deste distintivo constitúe mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e en materia de residuos de competencia municipal.

Sanxenxo presentou un total de 14 actuacións, máis do dobre das que esixe a convocatoria, que o fixeron merecente deste distintivo e que supuxeron un investimento de máis de 3 millóns de euros. Algúns dos proxectos incluídos nesta convocatoria foron a humanización da Praza do Pazo, a recuperación e rehabilitación do Pazo de Quintáns, a rehabilitación do Auditorio Emilia Pardo Bazán, a mellora dos accesos do litoral en espazos da Rede Natura, a recuperación do sistema dunar e mellora de accesos na praia de Canelas, a mellora da eficiencia enerxética e aforro de auga nas prazas de abastos de Portonovo, o acondicionamento do campo de fútbol de Noalla, a instalación de biotrituradoras para restos vexetais e unha guía turística interactiva e de promoción dos sendeiros e do litoral, entre outros.

O Concello de Sanxenxo forma parte da Axenda 2030 da Deputación de Pontevedra, guiándose polos obxectivos de Desenvolvemento Sostible como marco ético. En 2023 elaborouse a Axenda Urbana 2030, que aspira a ser unha folla de ruta para acadar un crecemento sostible, resiliente e respectuoso co medio ambiente.

0
0
0
s2sdefault