Na Travesía Areal de Portonovo os traballos céntranse na renovación do pavimento
Sanxenxo, 10 de outubro de 2025.- A reforma da Casa de Cultura de Nantes avanza co cambio de ventás e persianas, a climatización e a pintura interior do edificio. A actuación inclúe a renovación completa da fachada e unha mellora integral das instalacións para facer o edificio máis eficiente desde o punto de vista enerxético. Cun orzamento de 149.318 euros, financiado nun 95% pola Xunta mediante fondos europeos, os traballos desenvolveranse ao longo dos próximos catro meses.
O edificio, de dúas plantas e 183 metros cadrados, contará cunha nova cuberta de tella deseñada para ofrecer un mellor illamento, impermeabilidade e recollida de augas pluviais. Ademais, instalarase unha bomba de calor aerotérmica e renovarase todo o sistema de iluminación, apostando por luminarias LED de baixo consumo e luces de emerxencia máis eficientes.
En Portonovo, a obra avanza coa renovación do pavimento na humanización da Praza Travesía Areal, unha actuación que forma parte do Plan +Provincia da Deputación e que ten un prazo de execución de tres meses.
Este proxecto transformará os 706 metros cadrados da praza nun espazo máis accesible, cómodo e pensado para o desfrute de veciños e visitantes. Eliminaranse as escaleiras actuais para instalar unha rampa accesible, e conectarase peonilmente co mercado, rúas e xardíns próximos. A idea é crear un entorno urbano máis amable, sostible e con máis zonas de encontro social.
Ademais, substituiranse os bancos de formigón por outros de pedra, e o alumeado será renovado con farois de baixo consumo enerxético. Tamén se mellorará a rede de saneamento, ocultaranse arquetas e colectores á vista, e repararanse os elementos deteriorados.