Sanxenxo, 16 de outubro de 2025.- A Media Maratón Entre Rías regresa o vindeiro domingo, 17 de maio, para consolidarse como unha das grandes citas do calendario galego de running. As inscricións ábrense hoxe ás 20 horas e todo apunta a que se superará o récord de participación do ano pasado, cando máis de 2.200 corredores tomaron a saída entre O Grove e Sanxenxo, nunha gran xornada festiva de running e deporte.
A proba, organizada polos concellos do Grove e Sanxenxo, baixo a dirección técnica de Nokao, ofrecerá tres modalidades:
• Media maratón (21 km)
• 10 km, para os corredores máis rápidos e populares
• Relevos por parellas, unha opción ideal para quen desexe compartir a experiencia
O sábado, 16 de maio, celebraranse as carreiras infantís gratuítas, dirixidas a nenos e nenas de 0 a 13 anos, fomentando a participación familiar e o amor polo deporte dende idades temperás.
O percorrido, homologado pola Real Federación Española de Atletismo, transcorre por algúns das paisaxes máis espectaculares de Galicia, unindo os municipios do Grove e Sanxenxo a través de enclaves tan emblemáticos como a Illa da Toxa ou a praia da Lanzada.
O evento volverá repartir máis de 2.500 € en premios económicos e promete ser, unha vez máis, unha auténtica festa do running galego. As inscricións xa están dispoñibles na web oficial www.entreriasmediamaraton.com con prezo especial ata o 15 de decembro.