Concello de Sanxenxo - SANXENXO É UN MUNICIPIO CUN GASTO SOCIAL EXCELENTE CON 225 EUROS POR VECIÑO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) sairá mañá a licitación por 2,1 millóns ao ano co obxectivo de deixar a lista de espera a cero.

Sanxenxo, 16 de outubro de 2025.- O Concello de Sanxenxo ten un gasto social de 225 euros por veciño, unha cifra que o sitúa entre os 21 concellos españois con gasto social excelente, segundo a Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais.

O alcalde, Telmo Martín, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, compareceu esta mañá para anunciar que o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) sae mañá a licitación por 2,1 millóns anuais e para facer un balance dos servizos sociais municipais. “Facémolo antes de que remate o contrato coa empresa que actualmente ten o servizo cun único obxectivo: deixar a cero a lista de agarda. Un luxo do que poucos concellos poden presumir”, apuntou Martín. Con este novo concurso, partirase das 70.000 horas anuais ata un total de 84.000 horas.

En 2017, o gasto anual no SAF era de 331.525 euros, o que supón un incremento do 639 % co novo concurso. “Facemos un investimento para cubrir as necesidades dos nosos veciños e tamén para incrementar o prezo da hora ata os 24,19 euros como un recoñecemento a todas as persoas, case todas mulleres, que traballan nun servizo duro como o SAF”, dixo Martín.

Na mesma liña, detallou os distintos servizos a través dos cales o Concello de Sanxenxo atende a 1.695 familias, “un terzo da nosa poboación”, como os servizos sociais básicos, educación familiar, inserción laboral e emerxencia social (588 familias), o CIM (521), Educación Física para Maiores e Obradoiro de Memoria (320), Centro de Día (80), Servizo de Axuda no Fogar (80) e as dúas escolas infantís municipais (106).

En canto ao gasto social respecto a 2017, en persoal incrementouse un 52 % ata os 545.200 euros; no Centro de Día, un 65 % ata os 654.297 euros; no SAF, un 639 % ata os 2,1 millóns, e nas escolas infantís municipais, ata os 771.072 euros, un 72 %. “Somos un concello ao que nos preocupa o coidado e o benestar dos nosos veciños e hoxe, con estas cifras, nas que detrás están case 2.000 familias, queda demostrado”, concluíu Martín.

0
0
0
s2sdefault