Sanxenxo, 21 de outubro de 2025.- Sanxenxo acollerá un curso de Autodefensa Persoal os días 7 e 14 de novembro, de 10:00 a 14:00 horas, na Casa de Cultura de Adina. A actividade, gratuíta ata completar aforo, está promovida pola Consellería de Política Social e Igualdade a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, no marco do acordo de colaboración coa Fegamp para a conformación dunha rede de entidades locais contra a violencia de xénero.
Os obxectivos fundamentais deste curso son, entre outros, aprender técnicas físicas para se defender, como golpes, luxacións e saídas de agarres, así como desenvolver habilidades psicolóxicas e preventivas para evitar conflitos, controlar o estrés e aumentar a confianza persoal. Tamén se busca comprender o contorno, o marco legal e como reaccionar axeitadamente ante diferentes situacións de risco.
O curso, que será impartido por Juan José Martínez Coach, creador do Método MAS, componse dunha parte teórica e outra práctica que se desenvolverán de maneira conxunta para que a formación sexa dinámica. Na parte teórica traballaranse conceptos psicolóxicos tanto da vítima como do agresor e o código penal.
Haberá unha parte de desenvolvemento do control das 5 claves que contempla o programa, como son a respiración, a observación, a valoración, a estratexia e a técnica. Tamén se traballará todo tipo de prevención para situacións de risco que nos leven a evitar calquera tipo de confrontación física, pero, se esta non é evitable, aprenderase un amplo abano de técnicas como poden ser defensas ante un ataque ou un agarre no peito, no cabelo ou ante un ataque cunha arma branca.
A finalidade do curso é que a muller teña ferramentas suficientes para se sentir segura nunha situación de risco en todos os sentidos. As inscricións están abertas e poden facerse ben presencialmente no CIM-Servizos Sociais, ou ben por correo electrónico en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.