Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO LICITA O ALUGUER DUNHA CARPA PARA CREAR UN PAZO DE NADAL NA PRAZA DO MAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O arrendamento da instalación de 2.100 metros cadrados e a súa colocación sae a licitación por 89.903 euros

Sanxenxo, 21 de outubro de 2025.- Sanxenxo contará este Nadal cun Pazo de Nadal na Praza do Mar onde se concentrará a actividade lúdica e festiva. Para iso, a concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, aposta este ano pola instalación dunha gran carpa de 2.100 m² en forma de iglú cun ancho mínimo de 30 metros e con ata catro espazos diferentes. Así, haberá un mercado de Nadal, unha área de xogo e lecer, un espazo gastronómico con foodtrucks e unha zona para actuacións e actividades. Está previsto que o Pazo do Nadal permaneza aberto do 5 de decembro ata o 6 de xaneiro.

O aluguer da instalación e a súa colocación vén de saír a licitación por 89.903 euros. A carpa será modular e totalmente desmontable, e cumprirá as normas e condicións de solidez e seguridade aplicables a este tipo de instalacións. Entre as súas características, cómpre destacar que deberá ser unha estrutura a base de perfilería de aluminio anodizado e os peches a base de lona ignífuga transparente e/ou de cor branca con acreditación de Certificado de Ensaio de Laboratorio Oficial Homologado.

Ademais, valorarase especialmente a estética de deseño da carpa no seu conxunto, que inclúe o chan a base de tarima de madeira sobreelevada provista de moqueta antiescorregadiza e iluminación ambiente a base de LED. Así mesmo, a adxudicataria deberá dispor de persoal técnico competente durante todo o período de funcionamento da carpa e das súas instalacións, capacitado para realizar tarefas de mantemento e control da mesma.

Por outra banda, está en proceso de adxudicación o alumeado de Nadal que saíu a licitación este ano por 360.000 euros para os dous próximos anos. En total colocaranse 345 motivos de alto valor estético, fabricados en estruturas de aluminio, que se repartirán en 84 espazos diferentes das sete parroquias do municipio. A instalación deberá estar equipada con tecnoloxía de alta eficiencia 100 % LED e equipos homologados.

0
0
0
s2sdefault