A Concellaría de Educación poñerá en marcha estas vacacións de Nadal os Obradoiros de Nadal para nenos e nenas de 3 a 12 anos
Sanxenxo, 8 de decembro de 2025.- Unha invitación para gozar da pista de xeo e dos inchables instalados no Pazo de Nadal. A concelleira de Educación, Nati Parada, acudiu aos oito centros educativos de Infantil e Primaria para repartir 1.200 entradas entre os escolares do municipio para desfrutar das dúas atraccións de pago incluídas na programación do Pazo de Nadal.
As invitacións serán válidas para os días 9, 10, 11, 12, 15, 16, 17, 18 e 19 de decembro, de 16 a 21 horas. Para a pista de xeo será obrigatorio, por seguridade, o uso de luvas, que deberán traerse da casa ou adquirirse no propio punto; os patíns serán facilitados alí mesmo.
A Concellaría de Educación poñerá en marcha nas vacacións os Obradoiros de Nadal os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e os días 2, 5 e 7 de xaneiro, de 9 a 14:30 horas. A inscrición estará aberta ata o 16 de decembro ás 14 horas no rexistro do Órgano Autónomo Terra de Sanxenxo. As persoas interesadas poderán facelo de forma presencial no Concello ou na sede electrónica do O.A. Terra de Sanxenxo, para o que é preciso dispoñer do DNI electrónico, certificado ou chave.
Os prezos oscilarán entre os 50 e os 62,50 euros para aqueles que vaian todos os días, dependendo de se están empadroados ou non. Hai un total de 75 prazas dispoñibles e a actividade desenvolverase no colexio e pavillón de Nantes.