Concello de Sanxenxo - A PORTONOVESA ARABELA DEZA FERREIRA TOMARÁ POSESIÓN COMO NOVA CONCELLEIRA DE GOBERNO ESTE VENRES EN PLENO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 


Á sesión extraordinaria que se celebrará, ás 13 horas, levarase a aprobación inicial da nova ordenanza fiscal do lixo e a derrogación da actual

Sanxenxo, 16 de decembro de 2025.- A portonovesa Arabela Deza Ferreira tomará este venres posesión como nova concelleira de goberno en Sanxenxo durante a celebración dun Pleno extraordinario que terá lugar ás 13 horas. Farao en substitución de María Deza, que en outubro renunciou á súa acta de edila para asumir a dirección da Axencia Galega de Infraestruturas.

Arabela Deza, de 36 anos, ocupaba o posto número 11 na lista do Partido Popular nas últimas eleccións municipais. “Teño vocación de servizo público e que mellor ca poder facelo por e para os meus veciños. O meu obxectivo último sempre foi volver á casa, din que se lle chama morriña do galego. A política ábreme a oportunidade de seguir medrando profesionalmente e poder coñecer o servizo público desde ambas perspectivas”, apunta.

Arabela Deza é licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Vigo e cursou un Máster en Asesoría Fiscal e Tributación en Madrid. A través dunha bolsa do Plan Concellos e, mentres preparaba a oposición, traballou como administrativa no Concello de Sanxenxo. En maio de 2023 incorporouse como Técnica de Facenda do Estado na Delegación Especial das Palmas de Gran Canaria, onde se atopa actualmente traballando no departamento de Recadación Executiva.

No pleno do venres tamén se incorporarán á Corporación municipal os concelleiros do BNG, Estrella Martínez e Adrián González, en substitución de Fran Leiro e Tamara Castro.

Á sesión plenaria o goberno levará a aprobación definitiva da derrogación da actual ordenanza reguladora da taxa de recollida do lixo e a aprobación inicial da nova ordenanza fiscal para a taxa pola prestación do servizo de recollida, transporte e tratamento de residuos municipais, aínda que non entrará en vigor ata que se adxudique o novo contrato.


0
0
0
s2sdefault