A gasolineira portuaria rexistrou un repunte do 3,1 % nas vendas de combustible
Sanxenxo, 16 de xaneiro de 2026.- Un total de 432 embarcacións de 23 países diferentes recalaron no porto deportivo Juan Carlos I durante o ano pasado. Os barcos con bandeira española (275) encabezan a listaxe, seguidos de Francia (41), Irlanda (28), Portugal (17), Países Baixos (14) ou Alemaña (11), entre outros. Pero tamén recalaron no municipio embarcacións procedentes de diversos puntos como Nicaragua, Estados Unidos, Rusia, Lituania, Italia, Reino Unido, República Checa ou Australia.
No que respecta ao tipo de barcos, os de vela seguen á cabeza, 302, seguidos dos de motor, 130. Tamén se segue percibindo un incremento na eslora das embarcacións que recalan no porto Juan Carlos I. Un total de 178 tiñan ata 12 metros de eslora e 120, ata 15 metros. A venda de combustible rexistrou un novo repunte en 2025. A gasolineira do porto despachou 314.883 litros de combustible, un 3,1 % máis ca o ano pasado.
A empresa municipal Nauta Sanxenxo, encargada de xestionar o porto, xa está a recibir peticións de reservas para este ano, aínda que a apertura destas solicitudes non se producirá ata febreiro.
Para dar cabida á súa demanda, o porto deportivo sanxenxino dispón dunha superficie concesional de 123.222 metros cadrados, cunha lámina de auga de 90.000 m², 450 puntos de amarre e máis de 25.000 m² de espazo peonil. A entidade ampliou a súa concesión ata 2047, vinculada a diferentes proxectos destinados a mellorar a fachada marítima, coa súa primeira fase xa finalizada.