A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, mantivo un encontro con responsables de Accem para facer balance da situación actual
Sanxenxo, 26 de febreiro de 2026.- O 62% das 177 persoas migrantes refuxiadas en Sanxenxo desde 2023 lograron un contrato de traballo e 147 recibiron formación como paso previo á súa incorporación ao mercado laboral. A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, mantivo un encontro coas responsables de Accem, Cristina Ucieda e Ariadna Navarro, para facer balance da situación actual e analizar as distintas liñas de colaboración entre o Concello e a ONG.
Na actualidade hai 65 persoas migrantes aloxadas no Hotel Baixamar, que van sendo substituídas por outras a medida que se incorporan ao mercado laboral ou cambian as súas circunstancias persoais. Desde a súa chegada a Sanxenxo, están a recibir distintos obradoiros que inclúen aprendizaxe de español, contextualización do territorio e normativa laboral na Casa de Cultura de Dorrón, cedida polo Concello.
Ademais, realizáronse distintas saídas coordinadas co Concello para mellorar a súa integración no municipio e recibiron formación en seguridade viaria e primeiros auxilios a través da Policía Local e de Emerxencias.
Algunhas empresas locais e da contorna xa se puxeron en contacto con Accem con ofertas de emprego. Tamén clubs deportivos e asociacións de distinto tipo se brindaron a integralos nas súas actividades. “Sanxenxo mantén a súa colaboración e o seu compromiso integrador e Accem encárgase de canalizar esta axuda”, sinalou Lago.