O Concello remitirá a relación de desperfectos ao Goberno de España para optar ás axudas polos efectos dos temporais.
Sanxenxo, 27 de febreiro de 2025.- O Concello de Sanxenxo remitirá este luns á Subdelegación do Goberno un informe coa valoración dos danos polos temporais rexistrados nas últimas semanas para optar ás axudas nacionais habilitadas polos efectos dos temporais. O tren de borrascas provocou importantes desperfectos en distintos espazos públicos do municipio valorados en 985.000 euros.
En canto aos danos provocados nas zonas costeiras e praias, cómpre destacar a perda da torre de vixilancia, de parte do valado e da pasarela na praia de Foxos; o cambio da dinámica da duna de Major con desprazamento cara ao vial, así como a perda do valado dunar; perda de area e valado en Pragueira; danos nos accesos á praia de Montalvo; reconstrución dunha pasarela entre as dúas praias de Areas, prolongación do muro da canalización do regato e perda da torre de vixilancia e perda de area en Silgar.
O Concello tivo que actuar de urxencia, por motivos de seguridade, no afundimento do Paseo de Silgar coa reconstrución do muro de contención para o sostemento do vial, reparación do firme e das canalizacións, e na reparación do muro de contención da Avenida de Pontevedra en Portonovo.
A adversa meteoroloxía tamén provocou danos no valado viario na Granxa; derrubamentos de muros de sostemento do vial na Lamela; desperfectos en marquesiñas, sinais e en parques infantís; caída de árbores; danos en diversos puntos do alumeado público e en viarios de Rexenxo, Pampaído, Arnosa-Lagarei, Fonte de Ons, Rouxique e Lagarei.
En canto aos desperfectos en instalacións municipais, detectáronse danos no campo municipal do Revel e de Noalla, no pavillón de Vilalonga e no pavillón de Nantes, entre outros espazos.