Será o próximo sábado, 28 de marzo, de 20:30 a 21:30 horas
Sanxenxo súmase un ano máis, e xa van nove consecutivos, á Hora do Planeta, unha iniciativa da organización WWF que este ano ten como lema “Apaga a luz. Defende o planeta”. Será o sábado 28 de marzo cando se apaguen durante sesenta minutos, de 20:30 a 21:30 horas, a Rúa Madrid, o Porto Deportivo, o Paseo de Silgar, a Avenida de Galicia e Rafael Picó.
Este xesto simbólico busca concienciar sobre a loita contra o cambio climático e a perda de biodiversidade. Sanxenxo únese así a miles de cidades en todo o mundo que participan nesta que se considera a maior campaña de mobilización ambiental a nivel global.
A Hora do Planeta é unha campaña para que entidades, cidadáns e empresas apaguen as luces durante unha hora co fin de concienciar sobre a necesidade do aforro enerxético e a importancia de preservar o medio ambiente. Naceu en Sidney en 2007 e chegou a máis de 200 países. En España súmanse a esta iniciativa todos os anos máis de trescentas entidades locais e un cento de empresas.