O concelleiro de Turismo, Juan Deza, recolleu nesta edición un novo distintivo para a Ruta do Con da Romaíña – Con da Ventureira.
Sanxenxo, 6 de marzo de 2026.- Sanxenxo conta este ano con nove Sendeiros Azuis, un máis que en 2025. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, acudiu esta mañá ao Castelo de Cullera en Valencia para recoller os galardóns. “O noso obxectivo é seguir recuperando os espazos naturais para desfrute de veciños e visitantes tanto no litoral como no interior”, asegura Deza.
O programa Sendeiros Azuis da Adeac medra de novo con novas sendas que xa superan os 1.200 quilómetros. Para este ano, Adeac-Fee recibiu preto de dúascentas candidaturas, de 150 municipios diferentes, en 24 provincias de 12 comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Cataluña, Comunidade Valenciana, Extremadura, Galicia, Madrid e Rexión de Murcia) e 1 cidade autónoma (Melilla). O galardón destaca o compromiso dos municipios e administracións públicas na recuperación e posta en valor de sendeiros e camiños que promoven a educación ambiental e o desfrute sostible do noso contorno.
No municipio de Sanxenxo forman parte desta lista para 2026: Ruta dos Carballos de Aldariz, Senda Fluvial do Río Pintillón, Sendeiro Litoral Areas-Punta Festiñanzo, Sendeiro Litoral Canelas-Punta Cabicastro, Sendeiro Litoral Montalvo-Major, Sendeiro Litoral Paxariñas-Montalvo, Sendeiro Litoral Sanxenxo-Portonovo, Sendeiro Máxico de A Lanzada e a Ruta do Con da Romaíña – Con da Ventureira.