Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO SACARÁ Á LICITACIÓN A XESTIÓN DO CENTRO DE DÍA POR 3,3 MILLÓNS E UN PERÍODO DE CATRO ANOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O valor incrementase en 700.000 euros respecto do anterior contrato e amplíase o horario de servizos como enfermaría ou traballadora ocupacional

Sanxenxo, 13 de marzo de 2026.- O Concello de Sanxenxo sacará proximamente á licitación a xestión do Centro de Día municipal Virxe do Carme por 3,3 millóns e un período de catro anos. O valor increméntase en 700.000 euros respecto ao anterior contrato, destinado case na súa totalidade á partida de persoal, coa ampliación de horas en: limpeza, cociña, traballadora social e enfermaría.

Neste momento atópase ao máximo da súa capacidade con 80 usuarios e colabora coa conciliación doutras tantas familias. O Centro de Día Municipal Virxe do Carme ofrece unha atención integral e polivalente que abarca diferentes necesidades da persoa usuaria, apoiando e estimulando os aspectos da comunicación humana, a autoestima e a mellora das condicións de vida.

O Centro de Día conta ademais con servizo de transporte adaptado ás características das necesidades das persoas dependentes, con condutor e auxiliar de apoio para a recollida e regreso dos usuarios ao domicilio, segundo as rutas organizadas e establecidas polo persoal responsable.

O Centro de Día consta dun edificio de planta baixa distribuída en catro zonas ben definidas (Dirección e administración, área de estancia, área de actividades e área de servizos xerais), correspondendo cada unha a un campo concreto de actuación, e dunha parcela xardinada accesible aos usuarios.

Mellora do espazo exterior
Actualmente, o Concello, a través dunha subvención do Plan +Provincia, está acometendo melloras no xardín e espazo exterior de desfrute dos usuarios do Centro de Día. Ademais, instalarase unha pérgola para crear unha área de sombra e, na zona verde de maior tamaño, colocarase moblaxe como mesas para xerar zonas de estancia temporais e unha pequena pista de xogo.

En canto á edificación, debido ao mal estado da cuberta de metacrilato situada á saída do Centro de Día, proxéctase a súa substitución por unha de chapa tipo panel sándwich e a execución dun novo peche metálico que delimite a zona das instalacións respecto da zona verde, así como a inclusión dunha nova porta de comunicación entre as dúas zonas verdes dianteiras. Toda a actuación levará consigo unha mellora da iluminación.

0
0
0
s2sdefault