Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LICITARÁ MAÑÁ A HUMANIZACIÓN DO NÚCLEO RURAL DE AIOS CON UNHA INVESTIMENTO DE 674.190 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación calmará o tráfico rodado e favorecerá a seguridade peonil

Sanxenxo, 23 de marzo de 2026.- O Concello de Sanxenxo licitará mañá a humanización do núcleo rural de Aios cun investimento de 674.190 euros do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e con fondos municipais. A actuación axudará a calmar o tráfico rodado e mellorará a seguridade peonil. O núcleo compóñeno unhas vinte casas con muros de pedra, así como edificacións auxiliares como alpendres, hórreos e un lavadoiro, de alto valor patrimonial. Ademais, atópase próximo a lugares de interese turístico e praias como Pragueira e Bascuas.

Na actualidade, os viales teñen anchos desiguais que, nalgúns casos, non son adecuados para unha dobre circulación, convivindo o tráfico peonil e rodado nunha situación pouco segura. En canto aos estacionamentos, os coches aparcan de forma desordenada. O proxecto, que abrangue un ámbito de actuación de 2.581,40 m², propón cambiar as redes de electricidade e comunicacións por instalacións adecuadas e eficientes, retirando postes e tendidos aéreos e substituíndo os servizos por uns novos.

En canto aos firmes, renovarase o asfalto e o formigón por pavimento con pedra, adoquín cerámico, adoquín granítico, pavimentos continuos de formigón desactivado con áridos brancos e negros e formigón pulido en seco con áridos brancos. Ademais, renovarase a iluminación pública, instalando un total de 20 luminarias sobre fuste e 2 luminarias a nivel do chan ao pé do cruceiro. Tamén se renovará o mobiliario urbano, instalando 2 bancos de madeira na praza do cruceiro.

Os viales do núcleo non teñen un ancho suficiente para permitir unha diferenciación entre a circulación de vehículos e o tránsito peonil. O ámbito de actuación ten un marcado carácter residencial con preferencia peonil, e é necesario facilitar a chegada dos residentes ata os seus garaxes co vehículo. Co obxectivo de dar prioridade ao peón e á vida residencial do núcleo, establécense categorías de viales e un único sentido de circulación con velocidade restrinxida a 20 km/h, permitindo unha maior seguridade cidadá e facendo o espazo público do núcleo máis amable.

0
0
0
s2sdefault