Concello de Sanxenxo - UNHA PARCELA MUNICIPAL EN NANTES ACOLLERÁ O PRIMEIRO PARQUE MICOLÓXICO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alumnado do FP Básico de Hostalería e Restauración e do CEIP de Nantes realizou hoxe a plantación de 49 especies arbóreas micorrizadas

Sanxenxo, 24 de marzo de 2026.- Unha parcela municipal de 4.000 metros cadrados, situada no parque empresarial de Nantes, acollerá o primeiro parque micolóxico de Sanxenxo. O alumnado do FP Básico de Hostalería e Restauración e do CEIP de Nantes realizou hoxe a plantación de 49 especies arbóreas micorrizadas (carballos, castaños, sabugueiros, amieiros e freixos) que xerarán o substrato idóneo para a reprodución de cogomelos, fundamentalmente dúas especies, Boletus e Níscalo.

Na plantación participaron a concelleira de Educación, Nati Parada; o edil de Medio Ambiente, Yago Torres, e docentes do IES de Vilalonga e do CEIP de Nantes, así como persoal de servizos que colaborou nas tarefas da plantación. “É un proxecto diferente e transversal que permite a participación de toda unha comunidade educativa e incluso veciñal”, apuntou Nati Parada.

A creación deste bosque é froito dun proxecto de innovación do FP Básico de Hostalería e Restauración, premiado pola Xunta de Galicia, que inclúe, ademais, a creación dun horto micolóxico nas instalacións do Hotel Sixto, onde actualmente realizan as prácticas, e unha parte gastronómica, na que elaboraron viño branco e tinto, vinagre balsámico e sales aromatizadas con cogomelos como base da súa elaboración.

A produción de cogomelos será unha realidade a partir do quinto ano xa que é preciso que se adapten ao terreo e estará aberta ao público. “Buscamos que ademais da parte didáctica haxa unha vinculación social co contorno a través dun produto como o cogomelo”, di Rubén Otero, profesor de Hostalería e Restauración. A plantación converteuse nunha xornada de convivencia cunha merenda elaborada polo alumnado de hostalería e na que se puideron degustar empanada, bollos preñados e roscas.

O proxecto será presentado os próximos 22, 23 e 24 de abril na Cidade da Cultura.

0
0
0
s2sdefault