Concello de Sanxenxo - ESPINA E DELFÍN ESTÁ INSTALANDO UNHA NOVA TUBAXE PARA A TRAÍDA DE AUGA DESDE MAJOR ATA PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A substitución da vella canalización e outras dúas actuacións previstas, valoradas en 2,2 M€, evitarán roturas e garantirán máis presión na rede

Sanxenxo, 30 de abril de 2026.- A substitución da vella tubaxe de fibrocemento de 125 milímetros por unha de PVC de 250 milímetros de diámetro forma parte das 80 melloras previstas no rural, valoradas en 12 M€ e incluídas no contrato de concesión de Espina e Delfín.

A substitución da tubaxe de case 4 km entre Major e Portonovo, que se iniciou hai máis dun mes, ten un orzamento de 468.280 € e permitirá mellorar o caudal e a presión, evitando as frecuentes roturas que xera un material en desuso como é o fibrocemento. Cómpre lembrar que a tubaxe que se vai substituír se instalou a comezos dos anos 80.

Este ano tamén están previstas dúas actuacións máis para mellorar o subministro de auga no rural de Sanxenxo. É o caso da tubaxe de 5,5 km que vai comunicar os depósitos de Castro en Vilalonga e Padriñán. Unha mellora valorada en 1.133.520 € que permitirá intercambiar auga entre ambos depósitos, que se abastecen de concas distintas, do Umia e do Lérez, evitando cortes de auga ou caídas da presión en períodos de máxima ocupación e flexibilizando o subministro, podendo elixir a conca que máis dispoñibilidade de auga teña para o enchido dos depósitos.

Por último, a mellora do subministro de auga tamén contempla a construción dun novo depósito en Monte Faro, con capacidade para almacenar 5.000 m³ de auga e que suporá un investimento de 651.170 €. Esta actuación permitirá mellorar a presión da rede de abastecemento en lugares como Aios e no resto da parroquia de Noalla.

0
0
0
s2sdefault