Concello de Sanxenxo - CONCELLO E DEPUTACIÓN MELLORAN A SEGURIDADE VIARIA NO SENDEIRO AZUL CON DA ROMAIÑA–CON DA VENTUREIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A ruta lineal, de case 4 quilómetros, discorre entre as parroquias de Nantes e Padriñán

Sanxenxo, 30 de abril de 2026.- O Concello de Sanxenxo e a Deputación de Pontevedra melloran a seguridade viaria no sendeiro azul Con da Romaiña–Con da Ventureira nos treitos nos que conviven os sendeiristas e o tráfico rodado. Ao longo da estrada provincial reducirase o ancho do carril, pintarase unha banda peonil azul dentro da beiravía, limitarase a velocidade a 30 km/h e pintarase un novo paso de peóns. O Concello acondicionará igualmente os viais municipais, desbrozará os treitos necesarios e colocará paneis explicativos.

O sendeiro Con da Romaiña–Con da Ventureira mide 3.985 metros e discorre entre as parroquias de Nantes e Padriñán, e enlazaría, a apenas uns metros, coa Ruta dos Carballos de Aldariz sumando preto de dez quilómetros. A senda parte do río Besada, no parque empresarial de Nantes, e transcorre polo Con da Romaiña, o Pazo da Maza e remata no Con da Ventureira.

Con esta senda son tres as que transcorren polo interior do municipio e que contan con este distintivo de calidade xunto á do Río Pintillón (Dorrón) e a dos Carballos de Aldariz. A estes sumaríanse os seis do litoral: sendeiro litoral Areas–Punta Festiñanzo, sendeiro litoral Canelas–Punta Cabicastro, sendeiro litoral Montalvo–Major, sendeiro litoral Paxariñas–Montalvo, sendeiro litoral Sanxenxo–Portonovo e sendeiro máxico da Lanzada.

0
0
0
s2sdefault