Terá lugar o vindeiro venres 15 de maio na Praza do Mar, a partir das 22 horas
Sanxenxo, 11 de maio de 2026.- A Media Maratón Entre Rías O Grove – Sanxenxo continúa ampliando a programación da súa terceira edición cunha das citas musicais destacadas da fin de semana. O Grupo Assia actuará o vindeiro venres 15 de maio na Praza do Mar de Sanxenxo nun concerto gratuíto aberto a todos os públicos.
A actuación comezará ás 22:00 horas e servirá como un dos grandes actos previos a unha fin de semana marcada polo deporte e o ambiente festivo en ambos municipios.
A programación continuará o sábado 16 de maio con carreiras infantís gratuítas e unha charla coloquio protagonizada por Dani Molina e Javi Gómez Noya, mentres que o domingo 17 de maio se celebrarán as dúas probas oficiais de Entre Rías. A Media Maratón arrancará ás 10 horas desde a Praza do Corgo do Grove e a 10K sairá ás 11:30 horas desde a contorna da Lanzada.
Con esta proposta musical, Entre Rías busca seguir consolidándose como unha cita que vai máis alá do deporte, ofrecendo actividades abertas para corredores, acompañantes e visitantes durante toda a fin de semana.
A presenza do Grupo Assia converterá a Praza do Mar nun dos puntos de encontro destacados da previa da proba.