Concello de Sanxenxo - A UDIAF DE SANXENXO ATENDEU A 147 FAMILIAS DO SALNÉS EN 2025 E, NA ACTUALIDADE, CONTA CON 41 EN LISTA DE ESPERA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, reuniuse esta mañá coas coordinadoras do servizo, Maia García e Eva Picallo

Sanxenxo, 11 de maio de 2026.- Un total de 147 familias foron atendidas pola Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio do Salnés Sur (UDIAF) en 2025, cunha media mensual de 100 usuarios asistidos ao mes. A concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, reuniuse esta mañá coa coordinadora técnica da UDIAF, Maia García, e coa coordinadora da UDIAF do Salnés Sur, Eva Picallo, para facer un balance do funcionamento do servizo que se presta desde marzo de 2023 en Vilalonga e realizar unha valoración do traballo realizado coas familias do municipio.

O proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá, subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade, presta asesoramento e orientación ás familias, así como apoio ao desenvolvemento dos nenos de 0 a 6 anos de Sanxenxo, O Grove, Meaño, Ribadumia, Meis, Cambados e Meaño. Na actualidade hai 41 familias en lista de espera.

En total, realizáronse 4.180 prestacións de apoio personalizado. Destas, 102 foron consultas de acollida, 119 sesións de valoración, 3.736 sesións de apoio directo a familias e 223 sesións de orientación, ademais de 519 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos.

A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito dos problemas que se poidan dar no desenvolvemento infantil. Dos atendidos en 2025, un 30 % do total corresponde a problemas de fala ou linguaxe; un 28 % a atrasos evolutivos ou sindrómicos e un 17 % a problemas de conduta e atención. Tamén se asistiron problemas de hábitos, do ámbito emocional, motriz ou cognitivo.

No que se refire á orixe da demanda dos municipios do Salnés, o 31,4 % eran residentes en Sanxenxo; o 23,5 % en Cambados; o 17,6 % no Grove; o 13,7 % en Meis; o 11,8 % en Meaño e o 2 % en Ribadumia.

Na actualidade, a unidade que traballa a pleno rendemento está conformada por un equipo interdisciplinario con participación dun psicomotricista, un psicólogo, un logopeda, unha pedagoga e un auxiliar administrativo.

A satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, un 4,87 sobre 5, nas enquisas anónimas cubertas polas familias usuarias. Trátase dun servizo público gratuíto para as familias do sur do Salnés. O contacto pódese realizar na propia sede situada na Avenida do Cruceiro 53, baixo 1, Vilalonga, ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 886 208 275.

0
0
0
s2sdefault