A Policía Local establece un plan de tráfico alternativo para os vehículos
Sanxenxo, 12 de maio de 2026.- As obras da segunda fase da plataforma única do Paseo de Silgar co adoquinado, no tramo comprendido entre os cruces da Rúa Ourense e a Rúa Rosalía de Castro, comezarán este xoves. A actuación prevé un plan de tráfico alternativo que implica restricións ao tráfico rodado nese tramo do Paseo de Silgar. Co obxectivo de xerar as menores molestias posibles a veciños e negocios, habilitarase o dobre sentido nos viais adxacentes de baixada e modificarase o sentido actual da Rúa Vigo.
A empresa Castro Figueiro, adxudicataria das obras, axilizará o máximo posible os tempos de execución para que a obra poida estar rematada o 15 de xuño. A actuación comezará co levantamento de arquetas e sumidoiros, así como cos traballos previos á colocación do adoquín.
A actuación, valorada en 394.905 euros, será cofinanciada coa Xunta de Galicia e ten como obxectivo avanzar na accesibilidade peonil colocando unha plataforma única, eliminando o chanzo entre a rúa e a beirarrúa. Ademais, incorporarase novo mobiliario urbano e outros elementos como xardineiras e bancos. A plataforma única terá o mesmo deseño que a realizada no primeiro tramo con adoquín prefabricado de cor azul de 10 centímetros de espesor para eliminar a barreira arquitectónica que actualmente supón o bordo.
A implantación da plataforma única no Paseo de Silgar demostrou con éxito a posibilidade da convivencia do vehículo e o peón, facilitando o calmado de tráfico, a accesibilidade e a seguridade do viandante.