Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RENOVA A ILUMINACIÓN DO CAMPO DE FÚTBOL DE BALTAR DE ABAIXO E CONSTRÚE DOUS NOVOS VESTIARIOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O investimento total, que supera os 110.000 euros, realízase con fondos propios e co Plan Extra da Deputación de Pontevedra

Sanxenxo, 13 de maio de 2026.- O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, visitaron as obras que o Concello está realizando no campo de fútbol de Baltar de Abajo. O investimento total, que supera os 110.000 euros, realízase con fondos propios e co Plan Extra da Deputación de Pontevedra. “Seguimos mellorando as instalacións deportivas de Sanxenxo e cumprindo cos compromisos adquiridos cos nosos clubs de fútbol”, asegura Telmo Martín.

A actuación céntrase, por unha banda, na renovación do alumeado do terreo de xogo, cunhas luminarias LED de última xeración. Os novos focos achegarán maior eficiencia lumínica, acendido instantáneo, maior vida útil e maior reprodución cromática, garantindo cores nítidas e naturais. Ademais, estanse ampliando as instalacións deportivas con dous novos vestiarios con capacidade para 14 persoas, un vestiario para árbitros e dous vestiarios femininos.

Tamén se contemplan dous aseos e un espazo de almacén para material de limpeza e equipamento. Actualmente, as infraestruturas existentes non cumpren coas demandas actuais dos usuarios, tanto en capacidade como en funcionalidade, xerando a necesidade dun espazo moderno, eficiente e adaptado ás normativas vixentes.

O edificio de vestiarios contempla unha distribución optimizada e funcional que atende ás necesidades dos equipos locais, visitantes, árbitros e deportistas femininas, garantindo igualdade de condicións para todos os usuarios. A dotación de vestiarios separados, con duchas suficientes e aseos independentes, permitirá mellorar a calidade e o confort das instalacións.

0
0
0
s2sdefault