Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ACOMETERÁ A RECUPERACIÓN AMBIENTAL DO REGATO DE CARABUXEIRA E MELLORARÁ O ACCESO AO AREAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A praia inclúese, ademais, nun plan de actuacións para eliminar posibles vertidos que redunden na calidade da auga.

Sanxenxo, 14 de xullo de 2026.- O Concello de Sanxenxo acometerá a recuperación ambiental do regato de Carabuxeira e mellorará o acceso ao areal. A actuación, que ten un custo de 48.370 euros, conta cunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental de 32.000 euros.

O regato de Carabuxeira está entubado no tramo urbano da vila de Sanxenxo e xa na praia compórtase como unha canle a ceo aberto. Os temporais e a propia morfoloxía e composición do terreo fan que esta canle varíe o seu percorrido e trazado, xerando problemas de tránsito aos usuarios. Ademais, existe un claro deterioro da zona, polo que se deberán propoñer unha serie de medidas tendentes a crear un espazo máis agradable e respectuoso co medio.

A principal actuación é o encauzamento do regato de Carabuxeira ao seu paso pola praia nunha lonxitude total duns 22,5 metros e a instalación dun paso elevado. O paso realizarase nun material imitación madeira para mellorar as condicións de mantemento das estruturas en ambientes hostís. Na zona de acceso á praia prevese unha repavimentación. Ademais destas actuacións, realizaranse outras tarefas como unha pequena remoción de area co fin de tapar a canle actual e dar certa harmonía ao perfil da praia; colocación dunha varanda na praza de acceso ao areal co fin de evitar caídas a distinto nivel; limpeza e retirada de herbas e reparación dun pequeno tramo de muro mediante colocación de pedra e encintado co fin de evitar erosións.

Plan de mellora da calidade da auga

En canto aos traballos para mellorar a calidade da auga da praia, o Concello incluíu a praia de Carabuxeira no plan de actuacións para eliminar puntos de vertido. Desde 2024 veñen realizándose actuacións, como por exemplo a renovación da rede de saneamento da rúa Profesor Hermida, na zona de Miraflores, o que supuxo unha mellora ostensible na calidade da auga da saída de pluviais oeste. Durante os meses de xullo, agosto e setembro de 2025 realizáronse mostras tanto nas desembocaduras como augas arriba, co obxectivo de acoutar os puntos de contaminación e orientar as actuacións necesarias. Para iso acordouse, segundo informes técnicos, acometer obras por valor de 43.653 euros, que son as seguintes: nova conexión ao colector de residuais da acometida existente dunha vivenda, limpeza e retirada de restos no colector interior do edificio Florida e renovación de 140 metros de canalización.

0
0
0
s2sdefault