Melloras que, na súa maioría, xa están adxudicadas, pero que se executarán máis adiante para non interferir na actividade turística
Sanxenxo, 17 de xullo de 2026.- O Concello agardará ata setembro para iniciar unha serie de actuacións relevantes que, na súa maioría, xa están adxudicadas ou o estarán proximamente. É o caso da humanización do núcleo rural de Aios (674.190 €), que ten un prazo de execución de cinco meses; da humanización do núcleo rural de Padriñán (449.765 €), cuxa execución está prevista en catro meses; da segunda fase do mercado (5.345.000 €), que precisará 16 meses; do sendeiro sobre as rochas que conecta o paseo de Silgar co parque de Punta Vicaño; e da substitución da pasarela de madeira da praia de Baltar (1.799.985 €), que requirirá un prazo de execución de cinco meses.
Ademais destas actuacións de maior envergadura, están previstas outras tres melloras de menor orzamento: a instalación dunha pérgola nas bancadas do campo de fútbol municipal de Baltar (60.475 €), a colocación de bancadas no pavillón de deportes de Nantes (69.000 €) e a mellora do acceso a Peai, en Gondar (63.521 €).
Por outra banda, hai outros proxectos recentemente rematados ou pendentes de pequenos detalles, como a segunda fase da pavimentación con adoquíns de Silgar e as melloras do paseo, as humanizacións da contorna da capela de Arra e do pavillón de Baltar, a rehabilitación da Telleira, as melloras dos campos de fútbol de Noalla, O Revel e Baltar, e a reforma do antigo colexio do Cruceiro, agora denominado edificio socioeducativo As Lagoas, ao que unicamente lle resta a colocación do mobiliario.
Por último, hai outras dúas actuacións en marcha que non interfiren na actividade turística: a reforma integral do edificio de usos múltiples de Portonovo e a humanización do Camiño do Castro, en Dorrón.