A actuación ten un custo de 60.475 euros e será financiada co III Plan Extra de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.
Sanxenxo, 2 de agosto de 2026.- O Concello de Sanxenxo dotará o pavillón de Nantes dunha grada para 151 espectadores. A actuación, que ten un custo de 60.475 euros, será financiada a través do III Plan Extra de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra. O prazo de execución é de tres meses.
A instalación é utilizada, polas mañás, durante o curso escolar, polo alumnado do colexio e, polas tardes, por varios clubs locais. A pista polideportiva foi pechada perimetralmente a finais de 2022 e dotada de vestiarios e dun almacén. Posteriormente, foi obxecto dunha importante mellora acústica e de insonorización.
Agora complétase cunha grada que contará con cinco filas de asentos, 17,5 metros de lonxitude e 3,66 metros de ancho, e situarase sobre a cuberta da caseta dos vestiarios. A ambos os dous lados da caseta instalaranse escaleiras modulares que complementarán a grada, permitindo o acceso e a evacuación dos usuarios. Estas escaleiras distribuiranse en dous tramos cada unha, unidos por un descanso. Deste xeito, non sobresaerán pola parte dianteira da caseta e non afectarán á distancia que a separa da pista de xogo.
A grada non ocupará todo o espazo dispoñible no lugar da súa instalación, deixando libre un corredor frontal de distribución de 1,2 metros de ancho, destinado a facilitar a circulación dos espectadores.