Concello de Sanxenxo - O SERVIZO DE SALVAMENTO E SOCORRISMO REALIZOU 5.442 INTERVENCIÓNS NAS PRAIAS DURANTE O MES DE XULLO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As picaduras de faneca, con 913 atencións, foron o motivo máis frecuente de asistencia e a praia de Silgar foi o areal con maior número de intervencións.

Sanxenxo, 5 de agosto de 2026.- O servizo de salvamento e socorrismo de Sanxenxo realizou 5.442 intervencións durante o mes de xullo. O dispositivo, integrado por 87 efectivos e dúas embarcacións na franxa costeira, estivo despregado nas 18 praias do municipio distinguidas coa Bandeira Azul.

No cómputo de intervencións, a praia de Silgar acumulou o maior número de atencións, con 934 casos, seguida de Canelas (905), Montalvo (485) e Espiñeiro-A Lanzada (406). No extremo oposto sitúase Pampaído, con tan só 13 atencións, un areal que estrea servizo este verán.

As atencións en terra supuxeron case o 80 % das intervencións, fronte ao 19,23 % das realizadas na auga. Precisamente neste ámbito efectuáronse durante o pasado mes 13 rescates, todos eles con resultado positivo. O labor de prevención entre usuarios e bañistas ocupou tamén unha parte importante do traballo dos socorristas, con 958 avisos de distinta índole.

En canto ás causas das intervencións, as picaduras de faneca continúan sendo un dos motivos máis habituais polos que se acode aos postos de socorrismo das praias de Sanxenxo, con 913 casos, seguidas das feridas (479), espiñas ou lascas cravadas (107), contusións (25) e picaduras de ourizo (9), entre outras. Ademais, foi necesaria a presenza dunha ambulancia para traslado en 12 ocasións e realizáronse 48 tomas de tensión. O servizo tamén participou na procura de 13 persoas, rexistrándose a metade destas desaparicións na praia de Silgar.

No referente ás actuacións en materia de accesibilidade, realizouse o préstamo de 48 cadeiras anfibias, que permiten o baño das persoas con mobilidade reducida.

0
0
0
s2sdefault