Sanxenxo, 4 de agosto de 2026.- O Concello de Sanxenxo abre o prazo para presentar propostas aos Premios Cebola de Ouro 2026. A Concellería de Cultura e Eventos, dirixida por Xoán Pérez, quere un ano máis dar voz e voto á veciñanza de Sanxenxo na elección dos Premios Cebola de Ouro, un galardón que se entrega no marco das festas patronais de Santa Rosalía durante a Feira da Cebola como recoñecemento ás contribucións, logros ou servizos excepcionais en favor do municipio.
As persoas ou entidades interesadas en presentar as súas candidaturas poderán facelo, a través da sede electrónica do Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo, ata o vindeiro 20 de agosto. Todas as propostas deberán ir acompañadas dunha memoria xustificativa que motive a elección da persoa ou entidade candidata e destaque os aspectos máis relevantes da súa traxectoria persoal e profesional.
Como en edicións anteriores, estableceranse dúas categorías: unha destinada a unha persoa, colectivo ou entidade da parroquia de Padriñán pola súa contribución nos ámbitos cultural, educativo e social, e outra para unha persoa ou entidade de fóra do municipio que contribúa ao desenvolvemento e á promoción turística de Sanxenxo.
O xurado, formado polo alcalde, Telmo Martín; diferentes concelleiros; un representante de cada asociación veciñal, cultural, social ou deportiva da parroquia de Padriñán; un membro do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) e un representante de Entretendas, será o encargado de seleccionar os dous galardoados.
Os premios entregaranse durante a celebración da XLIV Feira da Cebola, que terá lugar na contorna portuaria de Sanxenxo.
O prazo para presentar propostas permanecerá aberto ata o vindeiro 20 de agosto.