Concello de Sanxenxo - A XUNTA DESTACA O CHIRINGUITO BICO BEACH COMO EXEMPLO DE SOSTIBILIDADE E INTEGRACIÓN NA PAISAXE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O alcalde, Telmo Martín, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitaron este mediodía o establecemento

Sanxenxo, 21 de agosto de 2026.- O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, visitou esta mañá xunto á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o chiringuito Bico Beach, situado entre as praias de Pragueira e Major, como un “exemplo de sostibilidade e integración na paisaxe”. O establecemento obtivo unha das 956 autorizacións no litoral concedidas este ano pola Xunta para poder abrir desde Semana Santa ata o 31 de outubro.

Un dos xerentes do negocio, Adrián Castiñeiras, agradeceu a visita, así como a axuda autonómica recibida para instalar unha tarima de madeira e unha pérgola que “ademais de aportar seguridade aos nosos clientes, supón un importante cambio estético que redunda na mellora da imaxe do noso local”.

O alcalde felicitou os xerentes do chiringuito e agradeceu “o que están facendo por Sanxenxo. Estades na liña do que queremos que sexa o noso destino e pola calidade que precisamos”. Martín explicou que “a unión entre o público e o privado é fundamental para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e para que un negocio triunfe”.

No marco da aposta da Xunta por impulsar un desenvolvemento sostible do litoral, baseado en criterios ambientais, sociais e paisaxísticos, a conselleira incidiu tamén na importancia de contar coa implicación dos propios titulares de servizos e instalacións que ocupan temporalmente a franxa costeira para avanzar cara a ese mesmo obxectivo.

Neste sentido, puxo en valor actuacións concretas como as acometidas este ano en Bico Beach, que considerou “un bo exemplo de que as actividades económicas no litoral poden ser rendibles, sostibles e desenvolverse buscando a súa harmonía coa contorna”.

En concreto, explicou que os titulares do chiringuito se guiaron por esta premisa á hora de acometer a renovación de parte do seu mobiliario, coa colocación de elementos de sombreado e plataformas de madeira con certificado de xestión forestal sostible.

Por iso, a responsable autonómica destacou a importancia deste tipo de pequenas actuacións, xa que teñen un impacto moi positivo na imaxe e no coidado do litoral.

0
0
0
s2sdefault