O Concello cede as instalacións para a selección e as clases prácticas
Sanxenxo, 12 de agosto de 2026.- O Concello de Sanxenxo continúa reforzando a súa posición como destino turístico que prioriza o estilo de vida saudable, a inclusión e o máximo respecto polo ecosistema mariño. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, xunto ao coordinador de socorrismo, Juan Rivas, presentou esta mañá o Rosco Solar, unha estrutura na que se indica, de forma lúdica e en función da cor dos ollos, do cabelo e da pel, a recomendación do factor de protección solar que se debe empregar.
O obxectivo é concienciar as persoas usuarias de todas as idades sobre os riscos da radiación ultravioleta e a importancia vital de utilizar unha protección solar adecuada. “Levamos anos ocupándonos de mellorar os servizos en praias coidando das persoas e tamén do medio ambiente”, sinalou Deza.
O rosco colocarase no areal de Silgar, ao carón da torre dos socorristas, pero está previsto que para o vindeiro verán a medida se implante no resto dos areais.
No seu compromiso coa saúde pública e a redución de residuos, Sanxenxo conseguiu que o 100 % dos seus areais conten co distintivo Praia sen Fume. Esta medida garante espazos limpos e libres de cabichas, protexendo tanto as persoas bañistas como a biodiversidade mariña.
De forma paralela, o municipio avanza cara a unha inclusión total. As praias urbanas reforzaron a súa accesibilidade mediante a instalación de áreas de sombra e equipamentos específicos para o baño adaptado, garantindo que as persoas con mobilidade reducida poidan gozar do mar con total seguridade e confort.
Estas accións intégranse nunha estrita política de sostibilidade ambiental que xa se aplica no litoral de Sanxenxo. Entre as medidas máis destacadas atópanse:
-
Optimización hídrica: substitución das duchas por lavapés para reducir de forma drástica o consumo de auga.
-
Prevención da contaminación: eliminación das papeleiras directamente sobre a area para evitar que os residuos acaben no mar por mor do vento ou das mareas, fomentando a responsabilidade cidadá.
Con este conxunto de iniciativas, Sanxenxo demostra que o turismo de calidade e a preservación do medio ambiente non só son compatibles, senón que constitúen o único camiño cara ao futuro.