Concello de Sanxenxo - A NOVA PISTA DE PUMP TRACK COMPLETA EN BALTAR A MAIOR ZONA DE EQUIPAMENTO DEPORTIVO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, visitou a actuación, acompañado do concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola

Sanxenxo, 8 de setembro de 2026.- Portonovo suma un novo equipamento lúdico-deportivo coa pista de pump track. O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Xuventude e Voluntariado, Marcos Guisasola, visitaron esta mañá as instalacións, onde se atopaba adestrando un grupo de mozos do Team New Bikes.

Neste espazo concéntranse dous campos de fútbol, un pump track, un skate park, un pavillón e unha estación de adestramento. “Con esta nova pista, Baltar convértese na zona de maior equipamento deportivo do municipio, na que conflúen distintas disciplinas e adaptada a todas as idades. Sanxenxo adáptase aos novos deportes e ás demandas dos mozos”, asegura Telmo Martín.

A pista de pump track conta con 84,80 metros de percorrido e un trazado que se pode percorrer completamente cunha bicicleta sen necesidade de pedalear, só a través de impulsos. Dentro deste espazo inclúese unha zona para descanso, descompresión ou quecemento, conectada por dous puntos diferentes coas pistas do pump track.

O novo equipamento inclúese dentro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e conta cunha dotación de 240.648 euros, coa que se potencia a zona de equipamento deportivo de Baltar, así como a integración de todas as zonas verdes baixo unha mesma estética e a mellora do patio do Centro de Día. Na parte exterior traseira do pavillón realizouse unha senda de zahorra cemento, ideal para a práctica deportiva, e unha zona central na que se instalou unha estación de adestramento.

“Tamén temos previsto mellorar e ampliar o parque infantil que hai neste monte, para o que xa encargamos un proxecto e co que buscamos potenciar aínda máis este espazo”, dixo.

A iluminación de todas as zonas verdes conta agora co mesmo tipo de báculo LED, unificando a imaxe final das intervencións.

0
0
0
s2sdefault