O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Educación, Nati Parada, acudiron á apertura do curso nas novas instalacións
Sanxenxo, 9 de setembro de 2026.- Un total de 2.100 alumnos e alumnas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato comezaron hoxe o curso escolar en Sanxenxo. O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Educación, Nati Parada, acudiron, acompañados polo director do IES Vilalonga, Gutier Fernández, á apertura do curso do FP Dual de Hostalería e Restauración no novo Centro Socioeducativo As Lagoas, no que están matriculados 34 alumnos.
O edificio, que alberga ademais unha biblioteca e un centro social de maiores, conta con máis de 1.000 metros cadrados, repartidos en dúas plantas, destinados á formación educativa. “Vimos a darvos a benvida, a desexarvos moita sorte e a dicirvos que vos esforcedes ao máximo porque vós sodes parte do futuro do sector turístico de Sanxenxo”, dixo o alcalde.
Nestes días está chegando o mobiliario co que se equiparán as cociñas e os distintos espazos onde realizarán as prácticas. As instalacións, que están comunicadas por un ascensor, contan con aulas polivalentes, un taller de cociña e office, outro de restaurante e un bar. “O investimento neste edificio situado no centro da parroquia supera os 3 millóns de euros, entre a reforma e o equipamento, pero creo que mereceu a pena e nun mes estarán listos os tres usos para os que foi concibido”, explicou Martín.
O alcalde lembrou que en abril de 2022 se acordou coa Consellería de Educación e co sector a posta en marcha deste ciclo. “É moi importante a formación, que se preparen para ter un futuro no que poidan cobrar un bo soldo e ter unha boa vida”, engadiu.
O edificio é agora unha construción máis eficiente, dándolle unha segunda vida tras a súa longa traxectoria como centro escolar da parroquia. Ademais, tamén se instalaron paneis fotovoltaicos e iluminación LED, e cambiouse o illamento da fachada.