Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO LICITA DÚAS ACTUACIÓNS EN BORDÓNS E EN VILALONGA POR 382.000 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Trátase da humanización das rúas Aparicio Vilar e Grupos Escolares e da mellora da accesibilidade na Praza Manuel Cortés

Sanxenxo, 11 de setembro de 2026.- O Concello de Sanxenxo iniciou setembro cunha reactivación da súa obra pública tras o parón estival para non interferir coa temporada alta do turismo no municipio. Así, acaba de licitar dúas actuacións en Bordóns e en Vilalonga por 382.000 euros.

Unha delas é a reforma da Praza Manuel Cortés, valorada en case 160.000 euros, para lograr unha mellor integración na contorna e garantir unha maior accesibilidade. A proposta, xa presentada aos veciños, preserva integramente o concepto de espazo público, aumenta a superficie utilizable da actual praza ao incorporar unhas escaleiras e ramplas, mantén a funcionalidade da bancada actual redeseñada, así como a relación de interacción cos viarios perimetrais.

O pavimento da praza realizarase cunha mestura de pavimento pétreo no perímetro e na zona de transición co adoquinado actual, e de formigón desbastado con árido á vista, empregando dous tons e formando dameiros trapezoidais. Este pavimento continuo e de alta calidade presenta vantaxes de durabilidade e mantemento.

A bancada prevista realizarase con elementos tipo perpiaño de distintas dimensións e executarase en pedra maciza con cantos redondeados e cortados coas curvas e dimensións previstas no proxecto. Os chanzos executaranse tamén con elementos macizos con acabado antiesvarante. O espazo dotarase de tres báculos nos que se disporán cinco luminarias direccionais de alta eficiencia lumínica.

A outra actuación é a humanización das rúas Aparicio Vilar e Grupos Escolares, ambas en Vilalonga, que pasarán a contar con plataforma única. O Concello destinará a esta actuación algo máis de 225.000 euros, procedentes do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

A nova pavimentación destas dúas rúas empregará materiais distintos nas respectivas superficies, xa sexan para tránsito peonil ou para tráfico rodado. Esta diferenciación reforzarase coa colocación de elementos urbanos, entre eles bolardos, para delimitar e organizar os distintos usos do espazo e mellorar a seguridade viaria.

Ademais, o proxecto inclúe a instalación de nova infraestrutura soterrada para as redes de electricidade, telecomunicacións, iluminación pública e saneamento de pluviais.

Esta actuación, destaca o executivo municipal, consolida a mellora do espazo urbano neste ámbito, xunto coa renovada Praza Pública e o novo Centro Socioeducativo As Lagoas.

0
0
0
s2sdefault