Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REABRE A TELLEIRA COMO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DE REFERENCIA DA RÍA DE AROUSA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Representantes dunha vintena de colectivos da parroquia acudiron esta mañá á apertura das reformadas instalacións en Vilalonga

Sanxenxo, 10 de setembro de 2026.- O Centro de Interpretación da Telleira, en Vilalonga, abriu esta mañá de novo as súas portas tras unha profunda remodelación interior e exterior que supuxo un investimento de case un millón de euros. O alcalde, Telmo Martín, acompañado de membros do goberno, así como de representantes do BNG e do PSOE e de máis dunha vintena de colectivos da parroquia, visitou as renovadas instalacións. Tamén asistiron representantes de Turismo da Xunta de Galicia e de SEO/BirdLife.

“A edificación orixinal, executada no ano 2003 cunha superficie de 2.504 metros cadrados, requiría unha intervención profunda. Hoxe, tras unha rehabilitación integral e unha dotación de equipamento de vangarda, o edificio transformouse por completo nun modelo de eficiencia enerxética”, explicou Martín á entrada do Centro da Telleira. Na mesma liña, pediu aos veciños colaboración para “coidar e desfrutar destas instalacións nun espazo protexido como este”, coas que se busca preservar a memoria histórica e actual da parroquia de Vilalonga.

A directora da musealización, Luisa Castro, foi a encargada de realizar a visita e o percorrido polos distintos espazos e áreas temáticas da zona expositiva.

A museografía do centro susténtase nunha diversidade de soportes gráficos que desempeñan un papel crucial ao permitir unha visualización detallada e atractiva dos ecosistemas, facilitando a comprensión da relación entre o territorio e a súa flora e fauna.

As instalacións estarán abertas de luns a venres pola mañá durante todos os meses do ano. Serán atendidas por persoal de Medio Ambiente e o horario será de 9:00 a 15:00 horas.

O colectivo SEO/BirdLife tamén colaborará desde un espazo na Telleira coa difusión da riqueza ornitolóxica nunha área catalogada como humidal de importancia internacional baixo o Convenio Ramsar, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Rede Natura 2000.

A actuación foi sufragada a través do Plan de Sustentabilidade Turística dos fondos europeos.

0
0
0
s2sdefault