Concello de Sanxenxo - A SOCIEDADE GALEGA DE HIPERTENSIÓN ARTERIAL E RISCO CARDIOVASCULAR PRESENTA O SEU CONGRESO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Na Sala Nauta realizaranse revisións e probas como a medición da tensión arterial e do colesterol, entre outras.

Sanxenxo, 18 de setembro de 2026.- Esta mañá, Carlos Názara e Paz Lago presentaron o 32.º Congreso da Sociedade Galega de Hipertensión Arterial e o 23.º Congreso da Sociedade de Risco Cardiovascular, que se celebrarán os días 2 e 3 de outubro en Sanxenxo.

Durante o congreso desenvolverase un programa de educación para a saúde e ofrecerase unha revisión da saúde cardiovascular na Sala Nauta do Porto Deportivo. O día 2 haberá un relatorio e un obradoiro práctico de rutinas cardiovasculares. O día 3 mediranse a presión arterial, a circunferencia abdominal, o índice de masa corporal, a glicosa e o colesterol das persoas asistentes.

A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago Martínez, destacou a importancia de coidar a saúde cardiovascular mediante a incorporación de hábitos saudables á vida diaria. Tamén animou a veciñanza e visitantes a participar nas actividades organizadas pola Sociedade Galega de Hipertensión coa colaboración do Concello de Sanxenxo.

As enfermidades cardiovasculares son a segunda causa de morte en España e provocan 115.000 falecementos ao ano. Por iso, xornadas coma esta buscan dar a coñecer e fomentar unha alimentación saudable para o corazón e a práctica habitual de exercicio físico.

O doutor Carlos Alberto Názara Otero, membro do comité organizador e especialista en Medicina Interna, agradeceu a colaboración do Concello de Sanxenxo e destacou que a localidade volve ser, un ano máis, a sede deste congreso. Durante a presentación, realizou unha demostración das medicións que se lles ofrecerán ás persoas que acudan á Sala Nauta o sábado 3 de outubro.

0
0
0
s2sdefault