A mellora destes dous núcleos estará rematada no primeiro trimestre de 2027 se a climatoloxía non o impide.
Nota embargada para a súa publicación o domingo 20 de setembro de 2026.
Sanxenxo, 20 de setembro de 2026.- A humanización e recuperación de espazos públicos do rural suman numerosas actuacións. O Concello mellorou os lugares de Arra, Quintáns, a senda peonil entre Canelas e A Lanzada, Bordóns, o vial de Nantes a O Vinquiño, O Santo, a praza de Vilalonga, Igrexa de Noalla – antigo cuartel e o Camiño do Castro en Dorrón, estes dous últimos en execución nestes momentos.
Unha vez finalizada a tempada de máxima ocupación, iniciáronse as obras de humanización do núcleo de Aios, e as do núcleo de Padriñán farano proximamente. As obras teñen un prazo de execución de 5 e 4 meses respectivamente, sempre que a climatoloxía non sexa moi adversa. Trátase de dous núcleos do rural con gran potencial pola beleza dos seus muros, casas de pedra, lavadoiros, cruceiros e viarios estreitos pensados para as persoas.
Ambas as actuacións suman un investimento que supera os 1,1 M€ (674.190 € en Aios e 449.765 € en Padriñán), que financian o Plan + Provincia da Deputación e o Concello.
As actuacións principais son:
-
Mellorar a seguridade das persoas coa creación de circuítos peonís diferenciados.
-
Ordenar e calmar o tráfico en viarios que son estreitos, limitando a velocidade a 20 km/h.
-
Ordenar os espazos para estacionamento.
-
Mellora de pavimentos substituíndo o asfalto e o formigón por pedra e adoquíns.
-
Mellora das instalacións de servizos de redes eléctricas e comunicacións.
-
Instalación de novos farois e luminarias no chan para embelecer elementos do patrimonio, como é o caso do cruceiro de Aios.
-
Farois, papeleiras, bancos e outros elementos de mobiliario.