O Concello pon en valor a xestión sostible dos seus recursos, a mellora dos espazos verdes e a educación ambiental
Sanxenxo, 6 de outubro de 2026.- Sanxenxo volve optar, por terceiro ano consecutivo, ao galardón Vila en Flor, poñendo en valor a xestión sostible dos seus recursos, a mellora dos espazos verdes e a educación ambiental. O municipio conta cunha rede consolidada de verde urbano e periurbano que supera os 442.000 metros cadrados. O inventario botánico municipal rexistra máis de 2.000 exemplares arbóreos de especies autóctonas e ornamentais, complementados con máis de 7.000 especies arbustivas e florais repartidas en máis de 220 localizacións.
Actualmente, Sanxenxo ostenta o liderado estatal en distintivos de Calidade Ambiental e Itinerarios Sostibles, sumando 8 Sendeiros Azuis recoñecidos pola ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), que totalizan máis de 33,8 quilómetros de sendeiros galardoados, aos que se suma a vertebración histórica da Ruta do Padre Sarmiento ao seu paso polo municipio. Como recoñecemento institucional á protección da paisaxe e ás boas prácticas de xestión ambiental, Sanxenxo conta coa Bandeira Verde de Galicia. Así mesmo, ostenta o liderado nacional en distintivos de calidade costeira e ambiental, destacando as súas 18 Bandeiras Azuis en praias.
Na memoria para a convocatoria deste ano inclúese a recuperación do Centro de Interpretación A Telleira, en Vilalonga; a rede de máis de 20 parques infantís e a incorporación progresiva de xogos adaptados para nenos e nenas con diversidade funcional en áreas como Vilalonga, Punta Vicaño, Espiñeiro e A Panadeira, así como o novo Pump Track de Baltar. Tamén se recollen as campañas de concienciación e voluntariado ambiental, como a organización da Feira do Medio Ambiente, as xornadas de limpeza de especies invasoras e restauración, O Bosque Atlántico ou a Hora do Planeta.
Entre as iniciativas educativas destaca a posta en marcha do Parque Micolóxico Didáctico de Nantes, nunha parcela municipal de máis de 4.000 m² coa plantación de 49 árbores micorrizadas; así como o plan de Camiños Escolares Seguros, co que se promove que os escolares vaian a pé ao colexio de forma segura e autónoma.
En canto á xestión sostible da auga de rega, Sanxenxo dispón de rega programada en máis de 55 zonas axardinadas, onde o sistema é por goteo e con programación nocturna para minimizar a evaporación. Tamén se está implantando progresivamente vexetación autóctona e especies de sotobosque con baixas necesidades hídricas e alta resistencia á salinidade mariña.
Ademais, mantense a eliminación das duchas nas praias, o que permite o aforro de máis de 3 millóns de litros de auga cada verán. Nos areais destaca tamén a protección dunar mediante valados e pasarelas, que permite o avance dos espazos protexidos.